As galerías de arte Torques 1975/1979 e Citania 1978, ambas de Santiago de Compostela, foron inauguradas, respectivamente, con mostras de A. G. Pascual e Manuel Prego, e conferencias de Eduardo Blanco-Amor e Álvaro Cunqueiro. Nelas realizáronse máis de 300 exposicións e leváronse a cabo actividades artístico-culturais, complementarias ou paralelas, que supuxeron perto de 50 actos, nos que participaron persoeiros relevantes de Galicia. Así mesmo, procedeuse á edición de varias carpetas de obra gráfica de prestixiosos artistas: Laxeiro, Granell, Colmeiro, Dans, Costa, Virxilio, De Dios, Lamazares.., ben por iniciativa da propia galería, ben por encargo de institucións públicas ou de empresas privadas. Cómpre tamén resaltar a edición da revista Citania. Artes, Letras, Espectáculos, na que colaboraron eminentes e prestixiosos especialistas, dos que cabe citar a Germán Gullón, Luís Hueso, Emmanuel Larraz, Alberto Ruiz de Samaniego , Xosé Luís Axeitos, Lourdes Méndez, Paulino Pereiro, J. M. González Herrán, Nélida Piñón…